PARLAMENTO DE GALICIA



Novas

11/04/2007

PILAR ROJO DENUNCIA UN PACTO ENTRE TOURIÑO E O ALCALDE DE FOZ PARA NON SANCIONAR AS IRREGULARIDADES URBANÍSTICAS A CAMBIO DE QUE O REXEDOR SIGA NO PSOE

O PPdeG denuncia que Foz se converteu no prototipo da marbellización de Galicia, cun alcalde socialista que convalida licencias ilegais que a Xunta lle ordenou anular e se autoutorga licencias
PILAR ROJO DENUNCIA UN PACTO ENTRE TOURIÑO E O ALCALDE DE FOZ PARA NON SANCIONAR AS IRREGULARIDADES URBANÍSTICAS A CAMBIO DE QUE O REXEDOR SIGA NO PSOE
• A voceira de Urbanismo do Grupo Popular recorda que o rexedor de Foz mantén o pulso coa Xunta logo de ameazar con abandonar o PSOE e montar unha candidatura independente en 5 minutos se o Goberno sanciona a corrupción urbanística do municipio
• “Os alcaldes socialistas poden facer o que queiran mentres sigan dentro do partido; os demais que se preparen”, é a máxima da Xunta en materia de urbanismo
• O 59% das 3.685 vivendas autorizadas polo concello de Foz entre xaneiro e maio de 2006 foron visadas por un mesmo arquitecto municipal, feito que incluso chamou a atención do Colexio de Arquitectos, que alerta dunha situación “anómala e extraordinaria”
• O alcalde de Foz é o artífice das concesións-express, unha nova figura administrativa que permitiu ao aparellador municipal revisar os proxectos de 1.315 vivendas, unha área comercial e  un hotel en tan só 3 días
• Pilar Rojo pregunta se o PSOE vai expedientar a García Rivera e rétao a trasladar toda a documentación á fiscalía
Santiago, 11 de abril de 2007.-  A Xunta de Galicia e mailo alcalde socialista de Foz, José María García Rivera, chegaron a un acordo no que a Xunta que preside Pérez Touriño se compromete a non actuar contra a corrupción urbanística dese municipio a cambio de que o rexedor concorra ás próximas municipais nas filas do PSOE e non encabezando a lista independente que ameazou con configurar en 5 minutos se a Administración autonómica completaba algún expediente sancionador. Este pacto, acreditado polo feitos dos últimos días, foi denunciado hoxe pola voceira de Urbanismo do Grupo Popular, Pilar Rojo, ao defender unha proposición non de lei no Pleno do Parlamento de Galicia para instar á Xunta a que faga cumprir a Lei nese municipio.
Pilar Rojo insistiu en que Galicia non é Marbella, pero se o PSdeG-PSOE se empeña en buscar un caso semellante, Foz constitúe o mellor exemplo da marbellización do litoral e de urbanismo irregular. E, paralelamente, a actitude mantida polo alcalde García Ribera, negándose a cumprir e lei e a acatar as resolucións do Goberno galego, escenifica o pulso en toda regra que o rexedor está mantendo, e polo de agora gañando, fronte á Xunta e a dirección galega do PSOE.
Para a deputada popular, a Xunta de Galicia debe deixar de actuar en Foz como xuíz e parte, conforme ao principio de que “os alcaldes socialistas poden facer o que queiran mentres sigan dentro do partido, pero os demais que se preparen”, en alusión á persecución á que a Xunta está a sometera os mandatarios do PPdeG.
Rojo Noguera recorda que o último episodio das irregularidades urbanísticas protagonizadas polo alcalde socialista de Foz consistiu na convalidación das 40 licencias ilegais para 1.350 vivendas que a Xunta lle ordenara anular por ter sido concedidas nunha situación de clara ilegalidade. “O alcalde reta e ameaza unha vez máis ao Goberno de Galicia e ao Partido Socialista” alertou a voceira de Urbanismo do PPdeG, que considera que a decisión do rexedor supón un caso de “corrupción sen paliativos, ademais dun grave incumprimento da legalidade urbanística”.
RICARDO VARELA DEFENDE AO PROTOTIPO DA MARBELLIZACIÓN DE GALICIA
A Xunta entendeu a ilegalidade como tal nun primeiro momento e, por iso, concedeu un prazo inicial de un mes ao concello de Foz para que anulase esas licencias. “Pero o alcalde de Foz non só fixo caso omiso da orde senón que plantou cara á Consellería, ameazando con deixar o partido e montar unha candidatura independente”, apuntou Pilar Rojo. O aspecto máis grave deste tira e afrouxa reside en que, lonxe de esixir responsabilidades políticas ao rexedor por uns feitos de tanta gravidade, o secretario de organización do PSOE galego e conselleiro de Traballo defende e ampara ao alcalde fronte a Política Territorial.
Neste escenario, tivo que ser a Asesoría Xurídica da Xunta a que interpuxese un contencioso contra o Concello, procedemento que aínda non foi ratificado polo Consello da Xunta, actitude que, en opinión do PPdeG, “confirma definitivamente a escandalosa resistencia da Xunta a levar ao xulgado as irregularidades urbanísticas do Concello de Foz”.
OS ANTECEDENTES
Política Territorial vírase forzada a solicitar a anulación desas 40 licencias do concello de Foz, que foran concedidas o 29 de marzo de 2006, cinco días despois de suspender a concesión de licencias nese concello.
Previamente, o 24 de marzo, na mesma Comisión de Goberno que acordou suspender a concesión de licencias en Foz para tramitar un novo PXOM (ata entón estaban vixentes unhas normas subsidiarias aprobadas en 1982, as máis antigas de toda a Mariña lucense), outorgáronse licencias para outras 717 vivendas, sen informe xurídico algún, o que constitúe un “fraude de lei” que atenta contra os propios actos do concello. Tres desas licencias foron para un edificio propiedade do alcalde de Foz, sen que este se ausentase, sequera, da reunión. Sobre o sucedido ese día, a Xunta aínda non adoptou medida algunha.
FOZ CONCEDEU MÁIS LICENCIAS QUE VIGO E A CORUÑA NO MESMO PERÍODO
Subliñan os populares galegos que esa non é a única irregularidade cometida en Foz polo equipo de goberno socialista do concello. O “boom urbanístico” de Foz permitiu incrementar a edificación nese concello nun 232% desde 2004. Entre o 1 de xaneiro e o 15 de maio de 2006, segundo datos do propio Concello, Foz concedeu licencias para 3.685 vivendas, cifra que supera amplamente as concedidas por cidades como A Coruña ou Vigo durante todo o ano 2005 (2.216 e 2.834, respectivamente).  Segundo o Padrón de Habitantes de 2006, Foz conta con 9.754 habitantes, fronte aos 243.320 da Coruña e 293.255 de Vigo.
CIFRA “ANÓMALA E EXTRAORDINARIA”
Tamén se da a circunstancia de que o 59% dos proxectos para esas 3.685 vivendas foron visados por un mesmo profesional, feito que incluso chama a atención do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Esta organización profesional considera que “soamente cabe este feito considerando ao técnico como unha prolongación dunha figura en situación de mediatizar as iniciativas de promoción, dando lugar a esta cifra a todas luces anómala e extraordinaria”.
Rojo Noguera denunciou que o aparellador municipal revisou e informou favorablemente a concesión de licencia a 41 proxectos urbanísticos para construír 1.315 vivendas, unha área comercial e un hotel, nun tempo récord de 3 días, prazo especialmente chamativo tendo en conta que cada expediente contén un mínimo de 140 páxinas. Nesta modalidade de “concesións-express”, a deputada popular enmarcou as tres licencias concedidas á sociedade Illa Nova-Hotel, participada polo alcalde, e á que considerou un “exemplo claro de favoritismo, no que beneficiador e beneficiario son a mesma persoa”.
¿CANDO VAI EXPEDIENTAR O PSOE AO ALCALDE?
Fronte aos intentos do PSOE por criminalizar aos alcaldes populares, nun intento de derivar a atención sobre a “marbellización”, de concellos socialistas como Foz, Viveiro ou Ribadeo, Pilar Rojo recordou que “nós só actuamos con probas e, de feito, acudimos á Xustiza dando a cara, sen esperar a que esta actúe de oficio, como xa o demostramos”. Pola contra, “outros non poden dicir o mesmo” e preguntou se o PSOE vai expedientar finalmente ao alcalde Foz ou se este vai trasladar toda a documentación á Fiscalía, de xeito voluntario, sen agardar a ser requirido para elo.
SAÚDOS, GABINETE DE COMUNICACIÓN DO GRUPO PARLAMENTARIO POPULAR DE GALICIA (Para declaracións, contactar co teléfono 981 55 15 19)


© Parlamento de Galicia, 2007 | Rúa do Hórreo, 63 - 15701 Santiago de Compostela | Tel.: 981 551 300 Fax: 981 551 408