Moi relacionado con Quessada estivo Alexandro (Alejandro González Cruz, Ourense, n. 1945), quen viviu na xuventude en Berlín e París. Fixo as súas primeiras exposicións a comezos dos anos setenta en Compostela, Ourense e na sala Toisón de Madrid, e tamén en 1981 en Barcelona, cidade na que viviu un tempo, para asentarse en Ourense. Aquí pinta os murais do cárcere do Pereiro de Aguiar, con Quessada e Vidal Souto, e leva as súas obras a Valladolid en 1989, e Nova York en 1992, mais dende entón foi Galicia o seu raio de acción. Deuse a coñecer con grandes rostros, durante anos, en grandes formatos con óleo, ao que lles engade elementos extrapictóricos en po para darlle relevo e volume, un neoexpresionismo, ou neofiguración, estilos da plástica dende os que traballa, sendo a súa obra sobre papel, máis que bosquexos, con valor en si mesma. Así, nalgunhas das súas obras do Parlamento de 2013, Serie: retratos anónimos, e outra sen título, de 2006.
Na última década está a vivir en Muxía, A Coruña, que ten influído no cambio de paleta, con azuis máis intensos, e amarelos, ademais de contribuír a ampliar a temática: medusas, mexillóns, mariñeiros ou sardiñas. De todo isto hai exemplos nas obras da colección do Parlamento. Os peixes e Na Praia son dúas obras de 2003, en técnica mixta sobre tea, que responden ao que sinalamos. Nesta hai un heteroxéneo, nunha escena de fantasía onírica máis que real, unha das claves da súa arte. As súas figuras solitarias, caso de O home con paraugas de 2015, ou Persoa con paraugas, de 2017, son un concepto que vén traballando dende 2004, no que a silueta en negro dunha figura humana, acompañada ou non dun can, loita coa chuvia e o vento que move o paraugas e a area ao seu redor. A súa relación con Yoshiro Tachibana, artista xaponés asentado en Muxía, e o ourensán Xosé Manuel Vidal Souto, cos que ten exposto, revela unha influencia na súa pintura. Outra das súas temáticas dos últimos anos ten como fondo a Crucifixión. Son de agora as escenas nas que as figuras en interacción semellan flotar en campos, azuis, marelos ou verdes, compartindo discurso con polbos e cans, e ás veces grandes masas de cores, nas que latexan, suxestivas formas do expresionismo abstracto.